Monday 20 de May de 2024

Lete Lasa agradece a Coca Cola que actúe como exemplo para outras empresas no ámbito do patrocinio deportivo


Defende o investimento no deporte ao considerar que non hai nada máis intelixente que confiar no traballo, esforzo e valía dos deportistas

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e María Sande, relacións externas de Coca-Cola en Galicia, presentaron o Calendario 2015 “Campións Galegos”, dentro do convenio de colaboración que ambas as dúas entidades manteñen dende hai máis de catro anos. Estiveron acompañados por varios dos protagonistas do calendario: Alejandro Vidal -3 veces campión do mundo de Para-taekwondo, Andrea Ferreiro -campiona do mundo de Hóckey liña- e Dani Pérez -subcampión absoluto do Europeo de trampolín-.

O calendario, que se repartirá neste Nadal, mostra as fotos de grandes deportistas galegos de elite en disciplinas deportivas moi diversas, en consonancia coa ampla representación que a nosa comunidade posúe na alta competición nacional e internacional.

No acto de presentación celebrado nas instalacións de Coca Cola na Coruña, o titular de Deportes da Xunta agradeceu aos responsables da compañía o seu decidido apoio ao deporte galego, compartindo así “a nosa responsabilidade de acadar que este motor da sociedade que é o deporte e os seus protagonistas, continúe funcionando coa máxima vitalidade posible”.

Ademais de lembrar que “os nosos deportistas son patrimonio e orgullo de Galicia” e de destacar o valor exemplar das súas vidas, nas que amosan que con sacrificio e tesón sempre se acadan resultados, Lete Lasa quixo agradecer a Coca Cola a súa función exemplar e estimulante para que outras empresas invistan intelixentemente en deporte, “porque estou convencido de que non hai nada máis intelixente que recoñecer e confiar no traballo, esforzo e valía dos nosos deportistas”, rematou.

Apoio aos deportistas de elite
A Xunta de Galicia vén promovendo de xeito continuado o deporte de alto rendemento a través das axudas DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nivel) que convoca anualmente a Fundación Deporte Galego, destinadas a apoiar aos deportistas galegos máis destacados no ámbito nacional e internacional, incentivando a súa dedicación ao deporte de alto nivel.

Recentemente, o organismo dependente da Secretaría Xeral para o Deporte convocou a primeira fase das Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel, baixo a denominación de Axudas GaliciaRío – Excelencia Deportiva, á que sucederá unha segunda a principios do ano 2015 para o resto de deportistas DGAN que non se beneficien da primeira fase de axudas.

Deste modo o goberno galego ten en conta a singularidade de que 2014 e 2015 son anos previos aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río 2016, ao tempo que mantén as liñas tradicionais de axudas aos demais deportistas DGAN que están a competir no alto nivel deportivo estatal e internacional.